Axudas a autónomos que contraten (C.P.: TR349F)

O obxectivo desta axuda é favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e ao crecemento das pequenas unidades produtivas, por iso deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que, con po tencialidade para crear emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma. (código de procedemento TR349F).

Descarga bases reguladoras – DOG núm 19, 28-Xaneiro-2022
OBXECTO

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o ano 2022 coa finalidade de promover a consolidación do emprego autónomo mediante incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio destes incentivos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial e para a formación.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

  • a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
  • b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
  • 1. Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.
  • 2. Non poderán ser beneficiarias:
    • + As persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
    • + As sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
    • + As persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
      • a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
      • b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
      • c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
      • d) Estaren incursas a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
      • e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
      • f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
      • g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
      • h) Ser sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
      • i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
      • j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
    • + As persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
  • 3. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, coa excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 30.
A. BONO DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DE PERSOAS DESEMPREGADAS
ÁMBITO DE ACTUACIÓN DAS CONTRATACIÓNS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia e que se formalicen desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos.

REQUISITOS
  • 1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • 2. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
  • 3. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
  • 4. Para que poida ser obxecto de subvención, o contrato indefinido inicial deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
B. BONO DE INCENTIVOS Á FORMACIÓN
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES E REQUISITOS

1. As persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

  • a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar na sección 1ª desta convocatoria.
  • b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
  • c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2022.

2. Queda excluída deste bono de incentivos á formación aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

A partir do 31 de xaneiro de 2022 ata o 30 de setembro de 2022.