A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías incidiu de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables están a desenvolverse na actualidade. – Código de procedemento: IN417Z

Descarga bases reguladoras – DOG núm 68, 13-Abril-2021
OBXECTO E RÉXIME DAS AXUDAS

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

BENEFICIARIOS

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as pequenas e medianas empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

  • + Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
  • + Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.
  • + Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

PROXECTOS SUBVENCIONABLES

1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

  • a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).
  • b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
  • c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctri-cas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transfor-madores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, com-pensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
  • d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafe-teiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
  • e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe ex-clusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatiza-ción, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a cli-matización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Euro-vent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
  • f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 1.000 euros, sen incluír o IVE.

Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados.

CONTÍA MÁXIMA DA AXUDA

A contía da subvención será do 80 % do custe elixible da actuación. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a Sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.

Para poder facer a presentación electrónica o solicitante ou representante legal deberá posuír un NIF electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será desde o 14 de abril ata o 30 de setembro de 2021.