
Bases reguladoras e convocatoria 2018 dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 – (código de procedemento IG300C)

BENEFICIARIOS POTENCIAIS
- 1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal a efectos destas axudas:
- a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clusters empresariais.
- b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido ao efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
- 2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
- 3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROYECTO
Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e organizarse outros eventos en entornos virtuais.
Deberá ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas. Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.
En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas.
Considerarase que a reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes en cada espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.
CONTÍA DAS AXUDAS
A subvención será do 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes da primeira convocatoria comezará ao día seguinte da publicación no DOG e rematará o 28/02/2018.
A segunda convocatoria comezará o 02/04/2018 e rematará o 15/05/2018
PRAZO DE EXECUCIÓN
O prazo de execución dos obradoiros (IG239.1 e IG239.2) non poderá superar o 30 de novembro de 2018.
Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o derradeiro día hábil do mes natural seguinte á data de finalización do prazo de execución establecida na resolución de concesión.
CONCORRENCIA COMPETITIVA
BENEFICIARIOS POTENCIAIS
- 1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.
- 2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b).
- 3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.
- 4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.
- 5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
- a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- b) As empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise.
- c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROYECTO
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
- a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
- b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
- 1º Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
- 2º Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos (ERP, CRM e similares), interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares).
- 3º Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).
CONTÍA DAS AXUDAS
1. A subvención será do 30% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 20% para as medianas.
2. A subvención será do 50% dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 6.1.d), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
1ª convocatoria: o prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación no DOG e rematará o 15/03/2018.
2ª convocatoria: comezará o 01/06/2018 e rematará o 21/09/2018
PRAZO DE EXECUCIÓN
O prazo de execución dos proxectos da primeira convocatoria de axudas (IG240.1) non poderá superar o 30 de xuño de 2019.
O prazo de execución dos proxectos da segunda convocatoria (IG240.2) non poderá superar o 30 de outubro de 2019.
Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o derradeiro día hábil do mes natural seguinte á data de finalización do prazo de execución establecida na resolución de concesión.