
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais e proceder á súa convocatoria para o ano 2021. Código de procedemento: TR802G

Programa I:
Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais
Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
- 1. Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:
- a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
- b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.
- c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
- d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
- 2. Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
- 3. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas. - 4. Non se poderá conceder esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas cales se obtiveron as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias, nos últimos 5 anos. Estas limitacións non se aplicarán no caso de que a incorporación anterior fose como persoa socia a proba.
- 5. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
- 6. En todo caso, as cooperativas ou sociedades laborais deberán acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.
OBRIGAS DAS ENTIDADES BENEFICIARIAS
Ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 17 desta orde, as entidades beneficiarias de subvencións deste programa deberán cumprir as seguintes obrigas:
- 1. Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.
O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación. - 2. Manter o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias polos cales se percibe a subvención polo menos durante un período de dous anos desde a data de incorporación das novas persoas socias traballadoras ou de traballo.
O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación. - 3. No caso de subvencións por incorporación como persoa socia traballadora ou de traballo con carácter indefinido: manter a persoa pola cal se concede a subvención, como mínimo, nas mesmas condicións en que se outorgou a subvención, polo menos, durante dous anos desde a súa incorporación.
No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituíla por outra persoa no prazo máximo de nove meses desde a data de baixa e polo período que falte ata completar os dous anos. Tanto o feito da baixa como a substitución deben ser comunicados ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde o día en que os ditos feitos se produzan.
A persoa substituta deberá cumprir os requisitos do artigo 22 desta orde e, cando a subvención se concedese pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos cales se poida conceder unha subvención, por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa.
Esta incorporación poderá realizarse en situación de persoa socia a proba polo máximo tempo permitido legalmente; transcorrido este, a relación poderá converterse en ordinaria e indefinida ou, de non ser así, incorporar con este carácter outra persoa coas características anteriormente sinaladas.
Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista nas alíneas e) a k), ambas incluídas, do punto 1 do artigo 24 desta orde, así como a prevista nas alíneas b), d) e), g), h) ou i) (de ser o caso) e j) do punto 1 do artigo 25.
Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova subvención.
No caso de non producirse a substitución de acordo co punto anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 18 desta orde.
O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación. - 4. No caso de subvencións por incorporación como persoa socia a proba: manter a persoa incorporada, como mínimo, polo tempo subvencionado. Se se produce o cesamento do mozo ou moza, a empresa beneficiaria está obrigada a substituíla no prazo dun mes por outra, polo menos en tempo de dedicación igual ao anterior. Tanto o feito da baixa como a substitución deberán ser comunicados ao órgano que concedeu a subvención no prazo dun mes contado desde o día en que os ditos feitos se produzan.
Respecto das persoas substitutas, a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación prevista nas alíneas e) a i), ambas incluídas, e k) do punto 1 do artigo 24 desta orde, así como a prevista nas alíneas c), d), h) (de ser o caso) e j) do artigo 25.
Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.
O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.
REQUISITOS
Con carácter xeral, as persoas e entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
- a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
- b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
- c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
- d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.
- e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes desde o momento de presentación da solicitude.
PRAZO
09/02/2021 – 30/09/2021
- 1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
- 2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.