
Estas axudas destínanse a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén será subvencionable a contratación de persoas traballadoras destinadas a apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes. (Código de procedimiento TR341R)

PERSOAS E ENTIDADES BENEFICIARIAS
- 1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de careceren deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización contraten unha persoa traballadora por conta allea.
- 2. Tamén serán beneficiarias as sociedades e comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias
GASTOS SUBVENCIONABLES E IMPORTE DA SUBVENCIÓN
1. BONO AUTÓNOMO CONCILIA I
- a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
- b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.
- c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.
- d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.
2. BONO AUTÓNOMO CONCILIA II
- a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, durante o período subvencionable, para o coidado de menores, maiores ou dependentes, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
- b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.
- c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.
- d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.
3. BONO AUTÓNOMO COIDADO DE MENORES
- a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.
- b) No caso de que o beneficiario do bono autónomo concilia fora unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, quen indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.
- c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado do fillo ou filla polos cales obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2020 ao 30 de setembro de 2021. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.
4. BONO AUTÓNOMO COIDADO DE PERSOAS MAIORES OU DEPENDENTES
- a) Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.
- b) No caso de que o beneficiario do bono autónomo concilia fora unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, quen indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.
- c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de persoas maiores ou dependentes polos cales obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2020 ao 30 de setembro de 2021. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.
As axudas por servizo de coidado de menores e de coidado de maiores e dependentes serán compatibles entre si.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
Desde o 25 de setembro de 2021 ata o 24 de outubro de 2021
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG do 26 de xullo).