Descarga Bases Reguladoras – DOG núm 80, 27-Abril-2020

A Xunta de Galicia activa unha liña de apoios para que cada traballador galego acollido a un expediente de regulación temporal de emprego (Erte) autorizado e que aínda non cobrara as prestacións por desemprego do Goberno central poida recibir de forma inmediata un anticipo de 1.500 euros, cun tope mensual de 750. O convenio, acordado coas entidades financeiras, permitirá aos empregados solicitar un adianto ata que a Administración estatal realice os pagos correspondentes.

Así, poderán ser beneficiarios desta nova liña as persoas que presten os seus servizos laborais en Galicia, que están incluídas en Erte aprobados como consecuencia da crise sanitaria provocada polo Covid-19 e que aínda non recibiron as prestacións que lle corresponden por parte do Goberno. Os adiantos estarán libres de xuros e de comisións.

As contías dos anticipos estableceranse en función das mensualidades que cada empregado teña pendente de cobro e poderán chegar ata 750 euros ao mes, no caso de persoas con contratos a xornada completa e afección do Erte ao 100% da xornada. Se o contrato fose a tempo parcial ou o Erte afectase só a unha parte da xornada, o adianto reducirase proporcionalmente.

Para que os traballadores poidan acollerse a esta iniciativa as empresas deben facilitar a Xunta de Galicia unha serie de datos do Formulario de solicitude colectiva enviado ao SEPE, que resultan básicos para a tramitación previa das operacións de anticipo. Para facilitar esa tarefa, estará habilitado un sinxelo formulario na Sede Electrónica da Xunta de Galicia, a través do que se comunican os datos dos traballadores da empresa que queren solicitar o anticipo.

Os requisitos para realizar a comunicación son os seguintes:

  • 1. Que o ERTE fose autorizado e comunicado pola autoridade laboral e a solicitude colectiva de prestación fose remitida ao SEPE.
  • 2. Que a persoa traballadora non teña percibido a súa prestación económica e teña a dita prestación domiciliada nunha conta bancaria pertencente a unha entidade financeira adscrita ao programa.
  • 3. Que os datos comunicados (identificación da persoa, conta bancaria, % xornada e base reguladora diaria) sexan os mesmos que os remitidos ao SEPE.

Na comunicación, deberá especificarse a data de inicio do ERTE e a data fin do anticipo, tendo en conta que a data de solicitude será a data máxima de referencia para realizar o cálculo dos días que corresponden de anticipo.

Cada empresa poderá empregar o formulario as veces que sexan necesarias para comunicar, se é o caso, novas persoas traballadoras.

Máis información nos teléfonos 900 815 600 e 900 815 151 e na web de Emprego Galicia.